15 octubre 2015

Pleno do 13 de outubro de 2015.



No Pleno da Corporación, celebrado o pasado 13 de outubro, tratáronse diversos aspectos, dos que imos dar conta a continuación.



- O primeiro dos puntos que se abordou foi a aprobación da devolución da paga extraordinaria, que se lles quitou aos traballadores en decembro de 2012.

No pleno do 10 de decembro de 2012, o noso voceiro, Félix Sineiro, planteou a posibilidade de aboar dita paga, empregando fórmulas diferentes, ao igual que fixeron outros concellos, pero o grupo de goberno rexeitou esta posibilidade.

Por suposto, o noso voto foi "A FAVOR", dado que esta foi unha medida coa que nunca estivo de acordo o noso grupo.



- O segundo tema que se votou, foi a aprobación do expediente de modificación de crédito, para afrontar o pago dos docentes para a escola de música.

A Agrupacion Socialista de Meaño considera que esta situación se debeu á pouca previsión da Alcaldía e a súa mala organización, o que provocou que alumnos do Concello de Meaño quedasen sen praza na Escola Municipal de Música. 
Despois das protestas dos meañeses, a Alcaldía tomou a decisión de dar cabida a todo o alumnado, tendo que facer esta modificacion de crédito.

Consideramos que o servizo hai que prestalo, polo que non votamos en contra, pero tamén que cremos que hai que planificar e organizar mellor o traballo, así coma distribuír mellor a partida orzamentaria, polo que nos vimos na obriga de  "ABSTERNOS" á hora de votar.



- O seguinte apartado a tratar foi o establecemento do prezo público pola prestación do servizo da Escola Infantil Municipal de 0 a 3 anos.

A Alcaldía propuxo o prezo de 164'01 euros ao mes.

Este é un prezo máis elevado que o que pagan en Cambados, Sanxenxo ou Ribadumia, concellos limítrofes, e máis caro que o servizo dunha empresa privada, o que pode facer que as familias do Concello de Meaño, opten por empregar os servizos das escolas infantís doutros municipios, tendo en conta a situación económica de moitas familias, con membros parados ou sen prestacións.

Pensamos que un concello debe favorecer a vida dos seus veciños e mellorala, polo que o noso voto foi "EN CONTRA".



- O último dos temas, sometidos a votación, foi a modificación da ordenanza fiscal reguladora da prestación do servizo de instalacións deportivas.

Con esta modificación pretendíase regular o cobro polo uso da pista de paddle construida na zona de Os Pasales (Dena).
A proposta foi de 12 euros por hora e media de uso.

Nós cremos que o proxecto estivo mal orientado desde o principio.
Ademais, esta é unha contía moi alta, tendo en conta o servizo que se presta, posto que se trata dunha pista descuberta, polo que soamente pode usarse con bo tempo, e que carece de instalacións tales coma baños ou vestiarios.

Ante o noso comentario sobre este punto, a Alcaldía dixo estar valorando a posibilidade de construír uns baños...veremos se é certo.

Sobre o cobro polo uso da pista de paddle, os socialistas de Meaño, votamos "EN CONTRA".



No hay comentarios:

Publicar un comentario