11 abril 2016

Moción para dotar á comarca do Salnés dunha ambulancia medicalizada de xeito permanente.



O PLENO DO CONCELLO DE MEAÑO


O Grupo Municipal Socialista (PsdeG-PSOE) no Concello de Meaño a través da sua voceira Icía García Fernández e ó abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (Real Decreto 2568/1986) presenta ante o Pleno da Corporación Municipal a seguinte MOCIÓN para dotar á comarca do Salnés dunha ambulancia medicalizada de xeito permanente.


Ante a aparición de calquera emerxencia vital fóra dos centros hospitalariose para a diminución dos tempos de acceso do persoal sanitario ao punto onde se atopa un paciente faise necesario a presenza dunha ambulancia medicalizada de xeito permanente.
A creación dun servizo móbil vén a permitir unha maior eficacia na asistencia médica o que levou aos Servizos de Urxencias Hospitalarios a mellorar a calidade de atención dos pacientes.
O aumento do número de profesionais, os novos avances e melloras nos coñecementos médicos e científicos, así como no eido tecnolóxico coa portabilidade de aparellos que antes eran inamovibles polo seu peso e volume permitiron unha mellor e máis rápida atención dos pacientes in situ.
O avance foi crecendo de tal xeito que, para achegar máis aínda a tecnoloxía como a metodoloxía hospitalaria ao paciente, creánronse auténticas salas de críticos móbiles, as chamadas ambulancias medicalizadas, con dotación técnica e farmacolóxica moi superior aos PAC (tamén coñecidas como Urxencias Extrahospitalarias), e con persoal formado e casi especializado para os casos máis graves nos que cada minuto conta para salvar vidas, que non poden esperar á chegada ao hospital.
A zona norte da provincia de Pontevedra, conta os 365 días do ano únicamente cunha ambulancia medicalizada con base na cidade de Pontevedra. Durante parte do verán, esta dotación increméntase cunha segunda ambulancia no concello de Sanxenxo.
Unha soa destas unidades para abarcar unha área tan grande, con núcleos poboacionais tan dispersos e coa demanda asistencial que ten, é claramente insuficiente.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda un vehículo asistencial por un máximo de 25.000 habitantes; polo que no caso da comarca arousana incúmplese totalmente este ratio, posto que dispoñemos dunha ambulancia medicalizada que cubre unha zona de máis de 51.000 habitantes, é dicir, máis do dobre.
Por ratios de tempo de acceso e número de pacientes, os estudos din claramente que é necesaria unha segunda dotación de Ambulancia Medicalizada na Comarca do Salnés que funcione de xeito PERMANENTE.
Téñense realizado promocionamentos nese sentido por parte de diversas entidades, Asociacións de Técnicos de Emerxencias, Sindicatos, Concellos (no Concello de Meaño aprobouse na pasada lexislatura), e da propia Mancomunidade do Salnés.
En novembro vense de asinar un novo contrato coas ambulancias que dan servicio ao 061, abaratando moito máis os custes que implicaban estas unidades de transporte e atención para o SERGAS. Parte deste aforro, podería e debería ser empregado en melloras do servizo como a que estamos abordando nesta moción.


De acordo con todo o anterior, sómetese á consideración do Pleno da Corporación á aprobación dos seguintes ACORDOS:


  1. Instar a todos os representantes dos concellos desta área no Pleno da Mancomunidade do Salnés a que presionen dende esa institución de cara a conquerir a devandita ambulancia.
  2. Instar á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a dotar dunha ambulancia medicalizada permanente á Comarca do Salnés.

En Meaño, 4 de abril do 2016

Asdo: Icía García Fernández
Voceira do PSdeG-PSOE

SRA.ALCALDESA-PRESIDENTA DO EXCMO CONCELLO DE MEAÑO

No hay comentarios:

Publicar un comentario