09 octubre 2016

Moción Modificación do IBI.

O PLENO DO CONCELLO DE MEAÑO

A Agrupación Socialista de Meaño, a través da súa voceira Icía García Fernández, solicita que se reúna a Comisión Informativa Correspondente para que dictamine favorable esta proposición para incluíla na orde do día e no próximo pleno do mes de outubro e, ao mesmo tempo, que sexa votada e debatida.


O Grupo Municipal Socialista (PsdeG-PSOE) no Concello de Meaño a través da súa voceira Icía García Fernández e ó abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (Real Decreto 2568/1986) presenta ante o Pleno da Corporación Municipal a seguinte PROPOSICIÓN, referida a Impostos sobre Bens Inmobles (IBI)

O Imposto de Bens Inmobles é a ferramenta de recadacción e de xeración de ingresos propios máis importante da que dispón un concello. Esta recadación permite afrontar boa parte dos gastos e das inversións municipais, gravando os inmobles dos veciños de Meaño.
No caso do IBI, asistimos a situacións nas que bens inmobles situados nas parroquias soportan unha carga fiscal proporcionalmente máis elevada que os propietarios de inmobles situados no casco urbán, xa que en ocasións as vivendas rurais carecen dalgúns dos servizos básicos que son competencia municipal, tales como abastecemento de auga potable ou saneamento público.
Outro colectivo gravado polo IBI sería o das Asociacións ou Agrupacións sen ánimo de lucro que son propietarias de bens inmobles e que, pola súa natureza, resútalles difícil cumprir coa obriga deste imposto.
Por estas razóns, cremos que se debe proceder a unha reformulación da cota tributaria establecendo bonificacións para aqueles contribuíntes propietarios de inmobles cun nivel insuficiente de servizos básicos de titularidade municipal e exencións para os colectivos sen ánimo de lucro.

De acordo con todo o anterior, sómetese á consideración do Pleno da Corporación á aprobación da seguinte MODIFICACIÓN DA ORDENANZA:

  1. Modificar o apartado c) do punto 4 do Artigo 2, referido nos seguintes termos:
Os Bens inmobles localizados en zonas rurais e que dispoñan dun insuficiente nivel de servizos básicos de titularidade municipal (auga e saneamento) gozarán dunha bonificación nas condicións que a continuación se determinan:
a) Carencia de dous servizos básicos: 60%
b) Carencia dun dos servizos básicos: 30%

A bonificación terá que ser solicitada polo interesado/a e concederase, previa comprobación da carencia dos servizos básicos de titularidade municipal, polo departamento ou departamentos municipais que xestionen aqueles servizos.
O beneficio permanecerá en tanto non se dote de servizos ás devanditas vivendas.
O área ou áreas municipais que xestionen estes servizos comunicarán ao concello cada actuación que aporte algún dos servizos básicos aos domicilios indicados neste apartado.
O Concello informará ao suxeito pasivo a perda ou modificación deste beneficio fiscal.
  1. Crear un apartado 3 no Artigo 4º, referido nos seguintes termos:
3. Estarán exentos do Imposto sobre Bens Inmobles os bens dos que sexan titulares as Asociacións ou Agrupacións sen ánimo de lucro con domicilio social no termo municipal.


En Meaño, 12 de Setembro do 2016

Asdo: Icía García Fernández
Voceira do PSdeG-PSOE

SRA.ALCALDESA-PRESIDENTA DO EXCMO CONCELLO DE MEAÑO

No hay comentarios:

Publicar un comentario