22 julio 2019

Moción sobre a modificación do regulamento municipal para a difusión pública dos plenos





AO PLENO DO CONCELLO DE MEAÑO

 O Grupo Municipal Socialista (PsdeG-PSOE) no Concello de Meaño, a través do seu voceiro Manuel Radío Oubiña, e ao abeiro do disposto na normativa aplicable, eleva ao Pleno da Corporación Municipal a seguinte

 MOCIÓN, REFERIDA Á MODIFICACIÓN DO REGULAMENTO ORGÁNICO MUNICIPAL, PARA A DIFUSIÓN PÚBLICA DOS PLENOS.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A presente moción ten como obxeto regular a gravación en directo e a posterior emisión en diferido dos Plenos da Corporación, de maneira que a veciñanza, que non poida acudir a estes, estea informada do que sucede nos mesmos, favorecendo, deste xeito, unha maior transparencia na xestión municipal e mellorando a participación cidadá.

O Artigo 20 da Constitución Española, no seu apartado 1d) establece que se recoñecen e protexen os dereitos “a comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión.” Mentres que no apartado 4) afirma “estas liberdades teñen o seu límite no  respecto aos dereitos recoñecidos neste Título, nos preceptos das leis que o desenvolven e, especialmente, no dereito á honra, á intimidade, á propia imaxe e á protección da xuventude e da infancia.”

Pola súa banda,o Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, no seu Artigo 88, apartado 1, así coma a Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, no seu Artigo 70, apartado 1, recollen que “serán públicas as sesións do Pleno. Non obstante, poderá ser segredo o debate e a votación de aqueles asuntos que poidan afectar ao dereito fundamental dos cidadáns a que se refire o artigo 18.1 da Constitución Española, cando así se acorde por maioría absoluta.”

Ademais, o Artigo 69, apartado 1, da Lei 7/1985, de 2 de abril, anteriomente citada, determina que “as Corporacións locais facilitarán a máis amplia información sobre a súa actividade e a participación de todos os ciudadáns na vida local.”

Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal PsdeG-PSOE proponlle ao Pleno do Concello de Meaño, para o seu debate e adopción, se procede, os seguintes

ACORDOS

1. Que se modifique o Artigo 17 do Regulamento Orgánico Municipal e onde di: 
“As sesións do Pleno serán públicas e darase facilidades aos medios de comunicación social, incluso para retransmisións audiovisuais, se a importancia dos temas así o aconsellasen.
Ninguén poderá, sen estar expresamente autorizado polo Alcalde, realizar gravacións gráficas ou sonoras das sesións do Pleno.”

En diante diga:

 “As sesións do Pleno do Concello de Meaño serán públicas e garantirán a máxima proximidade da xestion municipal aos intereses da veciñanza de Meaño.
As sesións do Pleno do Concello de Meaño, que non foran declaradas segredas, terán difusión pública a través de medios audiovisuais, mediante canais asociados ao espazo web oficial do Concello de Meaño. As imaxes deberán estar dispoñibles durante, como mínimo, seis meses desde a súa gravación.

Non obstante o disposto no parágrafo primeiro deste artigo, o Pleno poderá acordar por maioría absoluta que unha sesión se desenvolva con carácter segredo, cando o debate e votación dalgún dos asuntos incluídos na orde do día poida afectar ao dereito á honra, á intimidade persoal ou familiar ou á propia imaxe de calquera persoa.”

2. Que se adopten todas as medidas técnicas e aquelas outras necesarias, para que se poidan gravar os Plenos en directo e se emitan en diferido, mediante canais asociados ao espazo web oficial do Concello de Meaño.

En Meaño, a 17 de xullo de 2019.


Asdo: Manuel Radío Oubiña.
     Voceiro do PsdeG-PSOE.


SR.ALCALDE-PRESIDENTE DO EXCMO CONCELLO DE MEAÑO.

No hay comentarios:

Publicar un comentario