AO PLENO DO CONCELLO DE MEAÑO
O Grupo Municipal Socialista (PsdeG-PSOE) no Concello de
Meaño, a través do seu voceiro Manuel Radío Oubiña, e ao abeiro do disposto na
normativa aplicable, eleva ao Pleno da Corporación Municipal a seguinte
MOCIÓN,
REFERIDA Á MODIFICACIÓN DO REGULAMENTO ORGÁNICO
MUNICIPAL, PARA A DIFUSIÓN PÚBLICA DOS PLENOS.
EXPOSICIÓN
DE MOTIVOS
A presente moción ten como obxeto regular a
gravación en directo e a posterior emisión en diferido dos Plenos da
Corporación, de maneira que a veciñanza, que non poida acudir a estes, estea
informada do que sucede nos mesmos, favorecendo, deste xeito, unha maior
transparencia na xestión municipal e mellorando a participación cidadá.
O Artigo 20 da Constitución Española, no seu
apartado 1d) establece que se recoñecen e protexen os dereitos “a comunicar ou
recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión.” Mentres
que no apartado 4) afirma “estas
liberdades teñen o seu límite no
respecto aos dereitos recoñecidos neste Título, nos preceptos das leis
que o desenvolven e, especialmente, no dereito á honra, á intimidade, á propia
imaxe e á protección da xuventude e da infancia.”
Pola súa banda,o Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se
aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das
Entidades Locais, no seu Artigo 88, apartado 1, así coma a Lei 7/1985, de 2 de
abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, no seu Artigo 70, apartado 1,
recollen que “serán públicas as sesións do Pleno. Non obstante, poderá ser
segredo o debate e a votación de aqueles asuntos que poidan afectar ao dereito
fundamental dos cidadáns a que se refire o artigo 18.1 da Constitución
Española, cando así se acorde por maioría absoluta.”
Ademais, o Artigo 69, apartado 1, da Lei 7/1985, de 2 de abril,
anteriomente citada, determina que “as Corporacións locais facilitarán a máis
amplia información sobre a súa actividade e a participación de todos os
ciudadáns na vida local.”
Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal PsdeG-PSOE proponlle
ao Pleno do Concello de Meaño, para o seu debate e adopción, se procede, os
seguintes
ACORDOS
1.
Que se modifique o Artigo 17 do Regulamento Orgánico Municipal e onde di:
“As sesións do Pleno serán
públicas e darase facilidades aos medios de comunicación social, incluso para
retransmisións audiovisuais, se a importancia dos temas así o aconsellasen.
Ninguén poderá, sen estar
expresamente autorizado polo Alcalde, realizar gravacións gráficas ou sonoras
das sesións do Pleno.”
En diante diga:
“As
sesións do Pleno do Concello de Meaño serán públicas e garantirán a máxima
proximidade da xestion municipal aos intereses da veciñanza de Meaño.
As sesións do Pleno do
Concello de Meaño, que non foran declaradas segredas, terán difusión pública a
través de medios audiovisuais, mediante canais asociados ao espazo web oficial
do Concello de Meaño. As imaxes deberán estar dispoñibles durante, como mínimo,
seis meses desde a súa gravación.
Non obstante o disposto no
parágrafo primeiro deste artigo, o Pleno poderá acordar por maioría absoluta
que unha sesión se desenvolva con carácter segredo, cando o debate e votación
dalgún dos asuntos incluídos na orde do día poida afectar ao dereito á honra, á
intimidade persoal ou familiar ou á propia imaxe de calquera persoa.”
2. Que se adopten todas as
medidas técnicas e aquelas outras necesarias, para que se poidan gravar os
Plenos en directo e se emitan en diferido, mediante canais asociados ao espazo
web oficial do Concello de Meaño.
En Meaño, a 17 de xullo de 2019.
Asdo: Manuel Radío Oubiña.
Voceiro do PsdeG-PSOE.
SR.ALCALDE-PRESIDENTE
DO EXCMO CONCELLO DE MEAÑO.