O PLENO DO CONCELLO DE MEAÑO
O Grupo Municipal Socialista (PsdeG-PSOE) no
Concello de Meaño a través da sua voceira Icía García Fernández
e ó abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de
Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais
(Real Decreto 2568/1986) presenta ante o Pleno da Corporación
Municipal a seguinte:
MOCIÓN
O PP aprobou o pasado 11 de decembro, en solitario, a súa Lei de
Seguridade Cidadá coa oposición frontal do PSOE. Trátase dunha
"lei mordaza" que rompe o espírito da Constitución e que
o PSOE procederá a derrogar en canto regrese ao Goberno. Esta lei
non só non contou co respaldo parlamentario dos partidos da
oposición senón que foi recorrida ante o Tribunal Constitucional
por unha ampla maioría dos mesmos: o PSOE promoveu o recurso de
inconstitucionalidade contra a Lei Orgánica 4/2015, de 30 de marzo,
de Protección de Seguridade Cidadá, xunto con Esquerda Plural (EU,
ICV-EUiA), UPyD, Compromís-Equo, e Coalición Canaria.
Non existe unha demanda social para unha norma absolutamente
innecesaria, que supón un recorte de dereitos políticos e civís
recollidos na Constitución, polo que o único que busca o Goberno é
un retorno ao Estado policial.
Rajoy está a demostrar ser o presidente máis retrógrado da
democracia española, está a lexislar soamente para a dereita máis
extrema e está a aprobar recortes en dereitos e liberdades en cada
Consello de Ministros que se celebra.
É evidente que o Goberno ten medo á contestación social,
moléstalle e converte á cidadanía que protesta en cidadáns e
cidadás baixo sospeita. A lei mordaza é unha lei desmesurada e
desproporcionada, tanto polas restricións que contempla como polo
agravamento das contías das multas. Busca castigar máis ofrecendo
menos garantías xurídicas á cidadanía.
Con esta lei, por citar varios exemplos, poderase castigar con até
30.000 euros unha manifestación para impedir un desafiuzamento ou
con até 600 euros as faltas leves, que son as máis comúns.
Poderase multar a quen difunda imaxes de antidisturbios golpeando sen
necesidade a manifestantes, ou considerar unha ameaza á seguridade
cidadá negarse a mostrar o DNI. Ademais, aqueles que participen
nunha manifestación espontánea, isto é, non notificada previamente
á Delegación do Goberno -cousa que ocorre no 50% das protestas-
poderán ser tamén multados.
Ao Goberno do PP moléstalle a xente na rúa, pero o problema non son
os cidadáns e cidadás que critican a acción do Goberno e as súas
políticas antisociais. Se á dereita gobernante quere frear as
protestas sociais que tanto lles perturban, o que debe facer é
rectificar a súa política económica e botar freo á desigualdade,
pero non arremeter contra o cidadán que protesta na rúa. Con esta
lei, o PP demostra que non acepta o dereito á queixa e á
discrepancia.
É evidente que coa escusa da crise, o PP recortou os dereitos
sociais. Agora, coa escusa da seguridade, busca limitar as liberdades
políticas e civís. Un novo recorte de dereitos que se suma aos xa
perpetrados durante estes tres anos do PP en educación, sanidade,
dereitos laborais, xustiza.
Os socialistas seguiremos traballando para preservar a cohesión
social, a liberdade e a igualdade de oportunidades de toda a
cidadanía, impulsando desde os municipios as prestacións necesarias
de servizos sociais e promovendo a reinserción social das persoas en
situación de maior vulnerabilidade. Medidas de prevención, que,
desde as entidades locais, poden asegurar o desexable benestar da
nosa cidadanía e os seus dereitos e liberdades, axudando a
"minimizar" o efecto da mal chamada Lei de Protección de
Seguridade Cidadá.
Por estas razóns pretendemos que o PP retire a "lei mordaza",
porque lima a cohesión social, cuestiona frontalmente o Estado de
Dereito e limita os dereitos e as liberdades de cidadanía que
conquistamos nestes anos de democracia desde que se aprobou a
Constitución no ano 1978.
Por todo elo, solicitamos ó Pleno da Corporación
a adopción do seguinte.
ACORDO:
Instar
ao Goberno Central para retirar a Lei Orgánica 4/2015, de 30 de
marzo, de Protección de Seguridade Cidadá (Lei Mordaza) porque
restrinxe indebidamente o exercicio dos dereitos e as liberdades da
nosa cidadanía e representa un ataque frontal ao noso Estado de
Dereito.
En Meaño, 3 de agosto de 2015
Asdo:
Icía García Fernández
Voceira
do PSdeG-PSOE
SRA.ALCALDESA-PRESIDENTA DO EXCMO CONCELLO DE
MEAÑO